miércoles, 24 de abril de 2024

A VOZ DO CONCELLO DE NIGRÁN FAISE OÍR NO CONGRESO DOS DEPUTADOS GRAZAS A CAYETANA GUEDE

O Concello de Nigrán estivo presente no acto 'Infancia en el Congreso' grazas a Cayetana Guede, alumna de 1º da ESO do IES Val Miñor e integrante do Consello Escolar Municipal.

Cayetana intervíu no Congreso xunto a outras 7 crianzas de todo o país que actuaron como voceiras neste acto organizado cada ano pola 'Plataforma Infancia' á que pertence Unicef e que xirou en torno ao dereito á participación infantil. P

 A maiores, Cayetana forma parte do grupo Asesor de Participación Unicef-España tras ser aceptadas a súa candidatura e a de Martín Rey Álvarez, tamén alumno do IES Val Miñor (este grupo de traballo está composto por 57 nenos e nenas de toda España, sendo 4 deles galegos).

Neste enlace pódese ver a intervención, moitas grazas Caye!!












lunes, 15 de abril de 2024

O CONCELLO DE NIGRÁN ENTRA NO GRUPO ASESOR DE UNICEF-ESPAÑA

        O Concello de Nigrán conta desde este mes de abril con dous representantes no Grupo Asesor de Participación Unicef-España tras ser aceptadas as candidaturas de Martín Rey Álvarez e Cayetana Guede Bernárdez, alumnos ambos do IES Val Miñor e integrantes do Consello Escolar Municipal desde a súa orixe. Este logro destaca o talento de ámbolos dous, estudantes de excelencia, con gran compromiso social, e que xa falaran ante o Parlamento galego con motivo do Día Mundial da Infancia. Xunto a 3 representantes máis de Moaña, Ponteares e Teo, levarán a voz de Galicia a este grupo de traballo composto por 57 nenos e nenas de toda España. 

        Un dos requerimentos para formar parte deste grupo asesor ao que Cayetana (1º da ESO) e Martín (2º de Bacharelato) presentaron a súa candidatura era ter un mínimo de 12 anos e 2 anos de experiencia no eido da participación infantil. Agora, co seu traballo búscase asegurar que as voces, ideas e propostas dos nenos, nenas e adolescentes sexan escoitadas e tidas en conta no Congreso dos Deputados, Parlamentos, elaboración de leis e noutros espazos... Ademais, en colaboración estreita con UNICEF España, confeccionarán e avaliarán as actividades e programas da organización de cara a que reflictan as necesidades, inquedanzas e aspiracións da infancia e adolescencia a nivel nacional. Para elo, este grupo reunirase online unha vez ao mes.



jueves, 29 de febrero de 2024

RENOVACIÓN DO CONSELLO MUNICIPAL DA INFANCIA DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán estreou o 29 de febreiro un Consello Municipal da Infancia renovado tras elixir o alumnado dos centros educativos do municipio a cadanseu voceiro para os vindeiros dous anos. A concelleira de Educación, Estela Pérez Pérez, xunto á concelleira de Igualdade, Patricia Diego, e o alcalde de Nigrán, Juan González, deron a benvida no Salón de Plenos as novas nenas, nenos e adolescentes que se sumarán ao grupo (14 en total dos que repiten 2). 

Este primeiro encontro servíu para que se coñecesen entre eles e explicarlles polo míudo o seu traballo, que se visibilizará moi próximamente no pleno infantil anual. As reunións do Consello terán lugar cada 15 días e terán como obxectivo que a xente nova do Concello poida participar activamente na vida pública, ofrecendo a súas visións, inquedanzas e propostas ao goberno local para que as cuestións que lles afectan, respondan as súas verdadeiras necesidades e facendo cumplir deste xeito o seu dereito a ser escoitados e tidos en conta.




jueves, 30 de noviembre de 2023

XI Foro Infantil Unicef - PARLAMENTO DE GALICIA


    Un grupo de representantes do Consello de Participación Infantil e Xuvenil do Concello de Nigrán acudíu un ano máis ao Parlamento Galego no marco do XI Foro de Participación Infantil xunto a rapazada dunha ducia de municipios de toda a Comunidade.

    No marco do Día Mundial da Infancia e da Convención dos Dereitos do Neno, a rapazada de Nigrán participou un ano máis no ‘XI Foro Infantil Unicef’ celebrado no Parlamento de Galicia. Nunha sesión plenaria protagonizada por representantes de Consellos de Participación Infantil e Xuvenil de 12 municipios de toda Galicia, a rapazada reflexionou sobre a protección e a prevención da violencia. 

    Por parte de Nigrán acudiron 9 nenos e nenas membros do Consellos de Participación Infantil e Xuvenil acompañados do rexedor e a edil de Educación, Estela Pérez, actuando Martín Rey (IES Val Miñor) como voceiro. El foi o encargado de expor as vivencias do 'III Encontro Galego de Consellos Locais de Participación Infantil e Adolescente' celebrado o 18 e 19 de novembro na Residencia de Tempo Libre de Carballiño. Ali, coa axuda do ilustrador Leandro Lamas, realizaron un cuadro colaborativo co que agasallaron ao Parlamento.





lunes, 20 de noviembre de 2023

O CONCELLO DE NIGRÁN PARTICIPOU EN CARBALLIÑO NUN ENCONTRO GALEGO DE CONSELLOS DE PARTICIPACIÓN INFANTIL E ADOLESCENTE


    O Concello de Nigrán estivo presente a pasada fin de semana no Carballiño no 'III Encontro Galego de Consellos Locais de Participación Infantil e Adolescente'Estela Pérez, a nova edil de Educación, acudiu con 4 dos 14 representantes do Consello de Participación Infantil e Xuvenil de Nigrán, en concreto, con Carmen Vázquez Molares e Marcos Soto García (CEIP Humberto Juanes) e Martín Rey Álvarez e Cayetana Guede Bernárdez (IES Val Miñor) para participar en dúas xornadas de convivencia previas á celebración do 'Día Mundial da Infancia'.


    Durante os dous días na Residencia de Ocio e Tempo Libre desta localidade ourensana elaboraron xunto a outros 50 nenos e nenas de toda Galicia o manifesto que lerán no Parlamento galego o día 28 de Novembro, encadrado na celebración do Día Mundial da Infancia do vindeiro luns 20. Ademais, participaron en actividades lúdicas e educativas entre as que destaca o obradoiro do ilustrador Leandro Lamas no que realizaron un cadro colaborativo no que plasma os dereitos máis importantes da infancia.




domingo, 4 de junio de 2023

NIGRÁN NO CONSELLO AUTONÓMICO DE INFANCIA E ADOLESCENCIA

Xa está constituído o Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, con 30 rapaces de diferentes Concellos de toda Galicia e Nigrán contará con voz propia nese Consello!

Martín Rey, integrante do Consello da Infancia e Adolescencia de Nigrán foi seleccionado para formar parte deste órgano que procura xerar un novo espazo para que nenos, nenas e mocidade poidan expresarse, propoñer ideas e formar parte activa da toma de decisións en temáticas que lles afectan. 




lunes, 29 de mayo de 2023

I PLAN DE INFANCIA E ADOLESCENCIA DE NIGRÁN.

Despois de tres anos de moito, moito traballo, foi aprobado por unanimidade do pleno o I PLAN DE INFANCIA E ADOLESCENCIA DE NIGRÁN. Trátase dun documento elaborado, sobre todo, grazas ao traballo e ao compromiso dos nenos e nenas de Nigrán a través dos seus representantes no Consello de Participación.  

GRAZAS! ❤️

DOCUMENTO DIAGNÓSTICO

I PLAN DE INFANCIA E ADOLESCENIA



A VOZ DO CONCELLO DE NIGRÁN FAISE OÍR NO CONGRESO DOS DEPUTADOS GRAZAS A CAYETANA GUEDE

O Concello de Nigrán estivo presente no acto 'Infancia en el Congreso' grazas a Cayetana Guede, alumna de 1º da ESO do IES Val Miñor...