luns, 10 de xuño de 2024

O CONCELLO DE NIGRÁN CELEBRA UN PLENO INFANTIL E XUVENIL PARA CONMEMORAR O DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

    O Concello de Nigrán acolleu o pasado venres día 7 de xuño un pleno infantil e xuvenil protagonizado por representantes de todos os centros educativos do municipio. A temática da sesión foi o coidado do medio ambiente, tal e como previamente se decidira no Consello de Participación Infantil e Xuvenil do Concello de Nigrán ao coincidir ademáis coa semana do día mundial do Medio Ambiente. Os voceiros de cadanseu centro expuxeron as súas preocupacións e propostas ante o alcalde, Juan González, e a concelleira de Educación, Estela Pérez.

    As peticións da rapazada centráronse na promoción da reciclaxe e compostaxe en cada colexio, aspecto que o propio alcalde se comprometeu a incluír desde o vindeiro curso. Ademáis, mostráronse preocupados polo aumento de poboación durante o verán e as implicacións que iso conleva: desde un aumento do lixo a problemas de aparcamento ou suciedade nos baños da praia, polo que apelaron á responsabilidade individual de cada un para coidar a nosa contorna. A mobilidade en bicicleta foi outra das cuestións abordadas, polo que o propio alcalde lles explicou o Plan Vía-Bici do Concello para facer camiños seguros cara o centro urbano, os colexios ou a praia.

    A edil de Educación, Estela Pérez, explicou aos asistentes ao pleno que todos poden sumarse ao grupo de participación infantil e xuvenil do Concello de Nigrán e, nese sentido, aproveitou a ocasión para despedir a Martín Rey, voceiro do IES Val Miñor e membro do Consello de Participación Infantil por cumplir este ano a maioría de idade.

    

Moitísimas grazas a todos por participar!!




Ningún comentario:

Publicar un comentario

NIGRÁN CIDADE AMIGA DA INFANCIA

  O CONCELLO DE NIGRÁN RECIBE OFICIALMENTE EN MADRID O SELO DE 'CIUDAD AMIGA DE LA INFANCIA' O Concello de Nigrán xa dispón do sel...