Cayetana e Carmen recollen o testemuño de Martín e representarán a Nigrán no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia.
Nigrán reafirma o seu compromiso coa participación da infancia e adolescencia renovando a súa presenza no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA), un espazo de diálogo e consulta promovido pola Xunta de Galicia. Nesta nova etapa, serán Cayetana e Carmen quen asuman a representación da mocidade nigranesa, tomando o relevo de Martín tras dous anos de implicación activa.
Este órgano busca dar voz ás nenas, nenos e adolescentes de toda Galicia, facilitando un entorno no que poidan expresar as súas opinións, propoñer ideas e participar na construción das políticas públicas que lles afectan. Forman parte do CAIA trinta mozas e mozos de distintos concellos con estruturas de participación, así como representantes de entidades que traballan coa infancia e profesionais do sistema galego de protección.
Na última sesión do Consello, as novas integrantes tiveron a oportunidade de coñecer e dialogar co director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e coa subdirectora xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte, Belia Méndez, quen presentaron iniciativas para potenciar a participación xuvenil tamén no ámbito deportivo.
Desde o Concello de Nigrán estamos moi orgullosos de poder contar cunha mocidade comprometida e participativa, e desexámoslles a Cayetana e Carmen unha etapa chea de aprendizaxes e experiencias enriquecedoras nesta nova responsabilidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario