xoves, 10 de abril de 2025

SELO 'CIUDAD AMIGA DE LA INFANCIA'

O Concello de Nigrán xa se identifica co selo de 'Ciudad Amiga de la Infancia' outorgado por UNICEF España a finais do ano pasado. Deste xeito, o pasado 31 de marzo, as crianzas do órgano municipal de participación infantil e xuvenil nomeado como ''Xeración Xa!' inauguraron xunto ao alcalde, Juan González, a edil de Educación, Estela Pérez, e a delegada de Unicef en Pontevedra, Teresa Egerique, un totem identificativo fronte á Casa Consistorial, unha ubicación que as propias crianzas elixiron e unha sinaléctica que se debe instalar en cada municipio adherido a esta iniciativa.

Este recoñecemento ten vixencia ata 2028 e implica ter en conta dunha forma efectiva e medible as voces, necesidades e prioridades das crianzas a través das decisións políticas, polo que a figura da 'Xeración Xa!' resulta especialmente importante.



martes, 10 de decembro de 2024

NIGRÁN CIDADE AMIGA DA INFANCIA

 

O CONCELLO DE NIGRÁN RECIBE OFICIALMENTE EN MADRID O SELO DE 'CIUDAD AMIGA DE LA INFANCIA'


O Concello de Nigrán xa dispón do selo 'Ciudad Amiga de la Infancia' que outorga UNICEF e que recoñece o seu traballo ao respecto a nivel estatal. A entrega realizouse durante un acto oficial no Ministerio de Infancia no que participaron a ministra de Juventud e Infancia, Sira Abed Rego; o secretario xeral da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Luis Martínez-Sicluna Sepúlveda; a directora do Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA) da Universidade Autónoma de Madrid, María Ángeles Espinosa, o presidente de UNICEF España, Gustavo Suárez-Pertierra, e o secretario de Estado de Infancia, Rubén Pérez Correa, quen entregou o diploma a Nigrán. O alcalde Juan González e Estela Pérez, concelleira de Educación, participaron no acto de entrega de recoñecementos.

Trátase dun feito histórico para Nigrán xa que se está a recoñecer todo o traballo que se leva feito durante os últimos anos a favor dos dereitos da infancia e da mocidade. Este logro é parte da nosa sinal de identidade 'Un Nigrán para todos', o proxecto político que arrancou no ano 2015 para construír un municipio amable, amigable e no que todas as voces son escoitadas e tidas en conta.

Nigrán foi distinguido no acto, celebrado no Salón de Actos Ernest Lluch do Ministerio de Xuventude e Infancia, xunto a outros dous concellos galegos, Viveiro e Burela, e outros 17 municipios de toda España.








luns, 25 de novembro de 2024

20 DE NOVEMBRO- DÍA MUNDIAL DA INFANCIA

 O pasado 22 de novembro celebramos o Pleno Infantil de Nigrán, esta vez o alumnado dos diferentes colexios da nosa localidade expuxeron as súas inquedanzas e suxerencias ante o propio rexedor e a concelleira de Educación, centrándose no DEREITO A PARTICIPACIÓN INFANTIL E XUVENIL.




mércores, 20 de novembro de 2024

XII Foro de Participación Infantil e Adolescente no Parlamento de Galicia

O Consello de Participación Infantil e Xuvenil do Concello de Nigrán acudíu un ano máis ao Parlamento Galego no marco do XII Foro de Participación Infantil que lidera Unicef e que reuníu a rapazada de toda a Comunidade. Unha representación do Concello composta por unha decena de nenos e nenas voluntarios estivo en Santiago acompañada polo alcalde, Juan González, e as concelleiras/os de Educación, Igualdade, Servizos Sociais e Cultura, Estela Pérez, Patricia Diego, Bibiana Peixoto e Roberto Garrido. Este ano, Unicef pon o foco da súa campaña polo 20-N , Día Mundial da Infancia, no dereito á participación infantil e adolescente, e por iso os representantes de Nigrán adicaron o discurso a este tema, apelando a responsabilidade política neste asunto.

“A participación tamén debe ser amigable. Referímonos a que os espazos das reunións deben estar adaptados a nós, os representantes políticos teñen que ir a estes espazos de vez en cando, o formato das reunións deben axustarse as nosas idades, aos nosos horarios e a linguaxe ten que ser comprensible. A participación é amigable nos vosos concellos?”, preguntou no Parlamento Galit Mroz, alumna do CEIP Carlos Casares e representante do Consello que actuou como voceira. Asimesmo, Galit recordou aos asistentes que a participación debe ser sempre voluntaria e, polo tanto, non obrigatoria, e debe ser respetuosa no sentido de “poder expresar libremente as opinións”.


VIDEO










martes, 22 de outubro de 2024

SEGUIMOS TRABALLANDO ARREO!

Despois dun breve descanso durante o verán, estamos de volta!

O noso grupo de participación infantil e xuvenil "Xeración Xa" está preparando a súa intervención no XII Foro de Participación Infantil no Parlamento de Galicia que terá lugar o próximo día 12 de novembro, esta vez decidimos reunirnos de forma online, todo un éxito.


Moitas grazas rapazada!

luns, 10 de xuño de 2024

O CONCELLO DE NIGRÁN CELEBRA UN PLENO INFANTIL E XUVENIL PARA CONMEMORAR O DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

    O Concello de Nigrán acolleu o pasado venres día 7 de xuño un pleno infantil e xuvenil protagonizado por representantes de todos os centros educativos do municipio. A temática da sesión foi o coidado do medio ambiente, tal e como previamente se decidira no Consello de Participación Infantil e Xuvenil do Concello de Nigrán ao coincidir ademáis coa semana do día mundial do Medio Ambiente. Os voceiros de cadanseu centro expuxeron as súas preocupacións e propostas ante o alcalde, Juan González, e a concelleira de Educación, Estela Pérez.

    As peticións da rapazada centráronse na promoción da reciclaxe e compostaxe en cada colexio, aspecto que o propio alcalde se comprometeu a incluír desde o vindeiro curso. Ademáis, mostráronse preocupados polo aumento de poboación durante o verán e as implicacións que iso conleva: desde un aumento do lixo a problemas de aparcamento ou suciedade nos baños da praia, polo que apelaron á responsabilidade individual de cada un para coidar a nosa contorna. A mobilidade en bicicleta foi outra das cuestións abordadas, polo que o propio alcalde lles explicou o Plan Vía-Bici do Concello para facer camiños seguros cara o centro urbano, os colexios ou a praia.

    A edil de Educación, Estela Pérez, explicou aos asistentes ao pleno que todos poden sumarse ao grupo de participación infantil e xuvenil do Concello de Nigrán e, nese sentido, aproveitou a ocasión para despedir a Martín Rey, voceiro do IES Val Miñor e membro do Consello de Participación Infantil por cumplir este ano a maioría de idade.

    

Moitísimas grazas a todos por participar!!




luns, 27 de maio de 2024

XERACIÓN XA!

 

O GRUPO DE PARTICIPACIÓN INFANTIL E XUVENIL ESCOLLE O NOME E CREA O SEU PROPIO LOGO. O NOME ESCOLLIDO FOI: XERACIÓN XA! 

Á SÚA VEZ FIXERON UN LOGO CUN DESEÑO SINXELO E CLARO OPTANDO POR SEGUIR AS CORES DA CORPORACIÓN MUNIPAL PARA QUE SE LLES IDENTIFIQUE MÁIS FACILMENTE.



As nenas, nenos e adolescentes de Nigrán que forman parte do grupo de participación infantil e xuvenil, despois de moitas deliberacións e propostas chegaron ao acordo de que o nome que máis lles representa e co que se senten máis cómodas e cómodos é XERACIÓN XA! A proposta parte dun dos integrantes máis maiores, Martín, quen ademáis forma parte do CAIA, o grupo autonómico de participación infantil e xuvenil de Galicia.

A idea ocorreúselle como forma de reapropiación do concepto de seren a xeración da inmediatez. De querelo todo xa. Pero tamén como anuncio de que as nenas, nenos e adolescentes están aquí para colaborar co goberno local e construír un lugar máis amigable para a infancia e a adolescencia de Nigrán.

Agardamos que vos guste e que sigades ben de cerca a súa traxectoria.





UXÍA FERNÁNDEZ, DE "XERACIÓN XA" DE NIGRÁN, PIDE NO CONGRESO QUE TODOS OS DEREITOS SEXAN ACCESIBLES

       Baixo o paraugas de Unicef co programa «A infancia no Congreso», oito nenos e nenas de 12 a 17 anos expuxeron no hemiciclo do Congres...