domingo, 1 de febreiro de 2026

UXÍA FERNÁNDEZ, DE "XERACIÓN XA" DE NIGRÁN, PIDE NO CONGRESO QUE TODOS OS DEREITOS SEXAN ACCESIBLES

     Baixo o paraugas de Unicef co programa «A infancia no Congreso», oito nenos e nenas de 12 a 17 anos expuxeron no hemiciclo do Congreso dos Deputados as súas propostas e reflexións acerca de temáticas que lles afectan directamente, como saúde mental, prevención da violencia, pobreza, acción climática ou dereitos de infancia na contorna dixital.

    Entre as intervencións estivo a de Uxía, unha nena de Nigrán de 16 anos, membro do grupo de participación infantil e xuvenil Xeración Xa! Ela falou de dereitos dixitais e discapacidade na infancia. «A miña experiencia persoal ensinoume desde moi pequena o importante que é que todos os dereitos, tamén os dixitais, sexan realmente accesibles para todas as persoas», indicou. «Cando unha plataforma educativa non é accesible, cando unha aplicación non está adaptada ou cando a tecnoloxía non ten en conta as nosas necesidades, créanse barreiras, que afectan especialmente os nenos, nenas e adolescentes con discapacidade». Finalmente, concluíu remarcando que «nada sobre nós debería facerse sen nós. Unha sociedade verdadeiramente inclusiva tamén se constrúe na contorna dixital».

Moitísimas grazas Uxía por representarnos tan ben!!


 











mércores, 26 de novembro de 2025

O CONCELLO DE NIGRÁN CONMEMORA O 25-N COA LECTURA DUN MANIFESTO DA 'XERACIÓN XA!' E O PRIMEIRO CONSELLO MUNICIPAL DA MULLER

 O Concello de Nigrán culminou onte a programación especial polo 25-N, ‘Día Internacional para a erradicación da violencia contra as mulleres’, coa lectura dun manifesto esta mañá e a constitución do primeiro Consello Municipal da Muller pola tarde no Salón de Plenos.

Así, o 25 de novembro arrancou ao mediodía na Praza do Concello coa proclama dun manifesto a cargo da 'Xeración Xa!', o órgano de participación infantil e xuvenil do Concello de Nigrán, con tres voceiros que adicaron o seu discurso ás vítimas de violencia vicaria. "Queremos medrar nun mundo onde o amor non fira, onde o coidado sexa forza, onde a vida sexa segura, tamén dentro da casa", expresaron antes de finalizar co berro '"Nin unha menos!". Ao rematar, xunto aos representantes da corporación municipal, alumnado de 6º de Primaria do CEIP Humberto Juanes e do CEE Juan María gardaron un minuto de silencio por todas as vítimas de violencia de xénero.

A conmemoración polo 25-N continuou a partir das 17:00 horas no Salón de Plenos coa constitución do 'Consello Municipal da Muller', novo órgano de carácter informativo e consultivo donde participaron dous representantes de Xeración Xa, Uxía e José como voceiros.  







DIA DA INANCIA EN NIGRÁN- O CONCELLO DE NIGRÁN CELEBRA CUN PLENO INFANTIL O DÍA MUNDIAL DOS DEREITOS DO NENO E A NENA E VISITA O PARLAMENTO DE GALICIA

    

    O Concello de Nigrán celebrou o pasado 20 de novembro, o 'Día Mundial da Infancia' cunha sesión plenaria especial protagonizada polos nenos e nenas do noso municipio e cos seus dereitos dixitais como eixo temático deste ano. Así, un total de 18 alumnos procedentes de 8 centros educativos (IES Proval, IES Val Miñor, CEIP da Cruz, Carlos Casares, Humberto Juanes, CPI Arquitecto Palacios, Ángel de la Guarda e CEE Juan María) actuaron como 'concelleiros' da localidade co alcalde, Juan González, e a edil de Educación, Estela Pérez, como interlocutores por parte do goberno local.

Este foi o acto central do Concello coincidindo no día exacto da efeméride, mentres que o venres 21, unha representación de 7 membros da 'Xeración Xa!' acudiu xunto ao alcalde e a concelleira de Educación ao Parlamento de Galicia coa misión de participar nunha sesión similar con voceiros de consellos de toda a comunidade. Neste caso a voceira do noso concello foi Enma Touceda.

Este ano Unicef propuxo a todas as 'Cidades Amigas da Infancia' que para esta data os seus órganos de participación infantil reflexionasen baixo o lema 'Enciende tus derechos digitales'. Así, para esta sesión plenaria, dous voceiros por cada centro educativo expuxeron as súas inquedanzas e demandas ao respecto. Neste sentido, houbo consenso unánime entre eles en que as crianzas precisan recibir formación para poder navegar seguros por internet e tamén os seus proxenitores para entender como protexelos. Así, a súa maior preocupación centrouse na facilidade de acceso a contidos inapropiados, polo que demandaron mecanismos efectivos de control da idade e, por outra banda, tamén se amosaron moi intranquilos co engadido negativo que supoñen as redes sociais nos casos de 'bullying', polo que consideran necesaria a existencia dun educador especialista en cada centro educativo.







mércores, 29 de outubro de 2025

‘XERACIÓN XA!’ EXERCE DE ANFITRIOA DO ‘IV CONSELLO AUTONÓMICO DE CONSELLOS LOCAIS DA INFANCIA E ADOLESCENCIA’



    
A ‘Xeración Xa!’ do Concello de Nigrán exerce por vez primeira de anfitrioa no ‘IV Consello Autonómico de Consellos Locais da Infancia e Adolescencia’ que se celebrou en outubro na Residencia de Tempo Libre de Patos a instancias de Unicef. 

    Así, cinco voceiros do órgano de participación infantil e xuvenil do municipio debatiron xunto a preto de 50 crianzas de toda Galicia sobre os seus dereitos dixitais, temática elixida este ano desde Unicef para este encontro bianual. Ademáis destes representantes de consellos de toda Galicia asistiron tamén mozos e mozas do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA), órgano no que tamén figura Nigrán grazas a Cayetana Guede e Carmen Vázquez (IES Val Miñor).

    Durante todo o sábado e a mañá do domingo, todos xuntos traballaron na temática elixida participando en diferentes scape-rooms ao respecto (tamén gozaron de momentos de ocio e tempo libre, como o show do ilusionista Xulio Merino que se lles ofreceu desde o Concello). O último día, domingo ao mediodía, poideron presentar as súas conclusións ante o alcalde de Nigrán, representantes da Xunta e de Unicef.




















venres, 4 de xullo de 2025

ESTREAMOS OS CAMPUS CREATIVOS DE VERÁN DESEÑADOS POR ‘XERACIÓN XA!’ CON ‘GRAFFITI’

O Concello de Nigrán estreou esta semana con ‘Graffiti e deseño de camisetas personalizadas’ os campamentos creativos de verán escollidos polas crianzas de Nigrán a través do órgano municipal de participación infantil e xuvenil autonomeado como ''Xeración Xa!'. Deste xeito, unha ducia de cativos disfrutaron do luns ao xoves do curso impartido polo grafitero miñorano Seek Selff (Daniel Fernández) no Centro da Terceira Idade. 

A vindeira semana será ‘Introdución ao barro e creación libre’, con Nerea Vila (do 7 ao 10 de xullo); ‘Manga e cómic’, con Coral Martínez (do 14 ao 17 de xuño); ‘Alimentación, cociña e nutrición’, con Iria Otero e Ramón Moes; e, finalmente, ‘Guitarra’ con Gain Over. T todos son gratuítos, coas prazas xa completas (12), de luns a xoves e impartidos por profesionais da comarca.

A ‘Xeración Xa!’ apostou nas súas asambleas mensuais por organizar campus máis creativos ou artísticos que complementen aos deportivos que, tradicionalmente, xa ofrece o Concello xunto aos clubes do municipio.






xoves, 12 de xuño de 2025

‘XERACIÓN XA!’ DESEÑA OS CAMPAMENTOS CREATIVOS DE VERÁN DO CONCELLO DE NIGRÁN

Temos boas novas...

As crianzas de Nigrán asumiron este ano o reto de deseñar os plans de ocio infantil que, ata agora, programaba o Concello. Deste xeito, o órgano municipal de participación infantil e xuvenil autonomeado como ''Xeración Xa!', apostou nas súas asambleas mensuais por organizar campus máis creativos ou artísticos que complementen aos deportivos que, tradicionalmente, xa ofrece o Concello xunto aos clubes do municipio.

O resultado é que este ano, durante o mes de xullo e de de luns a xoves gratuítamente, o Concello ofrecerá no Centro da Terceira Idade da Ramallosa os campus de graffiti e camisetas personalizadas a cargo de Seek Selff; ‘Introdución ao barro e creación libre’, con Nerea Vila; ‘Manga e cómic’, con Coral Martínez; ‘Alimentación, cociña e nutrición’, con Iria Otero e Ramón Moes; e, finalmente, ‘Guitarra’ con Gain Over.

Dende a corporación municipal queremos subliñar, unha vez máis, o orgullo que supón “contar cunha infancia e adolescencia comprometida e participativa que permite ao Concello deseñar de verdade as políticias culturais, sociais ou medioambientais que eles mesmo deciden.








mércores, 28 de maio de 2025

Cayetana e Carmen representarán a Nigrán no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia

Cayetana e Carmen recollen o testemuño de Martín e representarán a Nigrán no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia.

Nigrán reafirma o seu compromiso coa participación da infancia e adolescencia renovando a súa presenza no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA), un espazo de diálogo e consulta promovido pola Xunta de Galicia. Nesta nova etapa, serán Cayetana e Carmen quen asuman a representación da mocidade nigranesa, tomando o relevo de Martín tras dous anos de implicación activa.

Este órgano busca dar voz ás nenas, nenos e adolescentes de toda Galicia, facilitando un entorno no que poidan expresar as súas opinións, propoñer ideas e participar na construción das políticas públicas que lles afectan. Forman parte do CAIA trinta mozas e mozos de distintos concellos con estruturas de participación, así como representantes de entidades que traballan coa infancia e profesionais do sistema galego de protección.

Na última sesión do Consello, as novas integrantes tiveron a oportunidade de coñecer e dialogar co director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e coa subdirectora xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte, Belia Méndez, quen presentaron iniciativas para potenciar a participación xuvenil tamén no ámbito deportivo.

Desde o Concello de Nigrán estamos moi orgullosos de poder contar cunha mocidade comprometida e participativa, e desexámoslles a Cayetana e Carmen unha etapa chea de aprendizaxes e experiencias enriquecedoras nesta nova responsabilidade.




xoves, 10 de abril de 2025

SELO 'CIUDAD AMIGA DE LA INFANCIA'

O Concello de Nigrán xa se identifica co selo de 'Ciudad Amiga de la Infancia' outorgado por UNICEF España a finais do ano pasado. Deste xeito, o pasado 31 de marzo, as crianzas do órgano municipal de participación infantil e xuvenil nomeado como ''Xeración Xa!' inauguraron xunto ao alcalde, Juan González, a edil de Educación, Estela Pérez, e a delegada de Unicef en Pontevedra, Teresa Egerique, un totem identificativo fronte á Casa Consistorial, unha ubicación que as propias crianzas elixiron e unha sinaléctica que se debe instalar en cada municipio adherido a esta iniciativa.

Este recoñecemento ten vixencia ata 2028 e implica ter en conta dunha forma efectiva e medible as voces, necesidades e prioridades das crianzas a través das decisións políticas, polo que a figura da 'Xeración Xa!' resulta especialmente importante.



martes, 10 de decembro de 2024

NIGRÁN CIDADE AMIGA DA INFANCIA

 

O CONCELLO DE NIGRÁN RECIBE OFICIALMENTE EN MADRID O SELO DE 'CIUDAD AMIGA DE LA INFANCIA'


O Concello de Nigrán xa dispón do selo 'Ciudad Amiga de la Infancia' que outorga UNICEF e que recoñece o seu traballo ao respecto a nivel estatal. A entrega realizouse durante un acto oficial no Ministerio de Infancia no que participaron a ministra de Juventud e Infancia, Sira Abed Rego; o secretario xeral da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Luis Martínez-Sicluna Sepúlveda; a directora do Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA) da Universidade Autónoma de Madrid, María Ángeles Espinosa, o presidente de UNICEF España, Gustavo Suárez-Pertierra, e o secretario de Estado de Infancia, Rubén Pérez Correa, quen entregou o diploma a Nigrán. O alcalde Juan González e Estela Pérez, concelleira de Educación, participaron no acto de entrega de recoñecementos.

Trátase dun feito histórico para Nigrán xa que se está a recoñecer todo o traballo que se leva feito durante os últimos anos a favor dos dereitos da infancia e da mocidade. Este logro é parte da nosa sinal de identidade 'Un Nigrán para todos', o proxecto político que arrancou no ano 2015 para construír un municipio amable, amigable e no que todas as voces son escoitadas e tidas en conta.

Nigrán foi distinguido no acto, celebrado no Salón de Actos Ernest Lluch do Ministerio de Xuventude e Infancia, xunto a outros dous concellos galegos, Viveiro e Burela, e outros 17 municipios de toda España.








luns, 25 de novembro de 2024

20 DE NOVEMBRO- DÍA MUNDIAL DA INFANCIA

 O pasado 22 de novembro celebramos o Pleno Infantil de Nigrán, esta vez o alumnado dos diferentes colexios da nosa localidade expuxeron as súas inquedanzas e suxerencias ante o propio rexedor e a concelleira de Educación, centrándose no DEREITO A PARTICIPACIÓN INFANTIL E XUVENIL.




mércores, 20 de novembro de 2024

XII Foro de Participación Infantil e Adolescente no Parlamento de Galicia

O Consello de Participación Infantil e Xuvenil do Concello de Nigrán acudíu un ano máis ao Parlamento Galego no marco do XII Foro de Participación Infantil que lidera Unicef e que reuníu a rapazada de toda a Comunidade. Unha representación do Concello composta por unha decena de nenos e nenas voluntarios estivo en Santiago acompañada polo alcalde, Juan González, e as concelleiras/os de Educación, Igualdade, Servizos Sociais e Cultura, Estela Pérez, Patricia Diego, Bibiana Peixoto e Roberto Garrido. Este ano, Unicef pon o foco da súa campaña polo 20-N , Día Mundial da Infancia, no dereito á participación infantil e adolescente, e por iso os representantes de Nigrán adicaron o discurso a este tema, apelando a responsabilidade política neste asunto.

“A participación tamén debe ser amigable. Referímonos a que os espazos das reunións deben estar adaptados a nós, os representantes políticos teñen que ir a estes espazos de vez en cando, o formato das reunións deben axustarse as nosas idades, aos nosos horarios e a linguaxe ten que ser comprensible. A participación é amigable nos vosos concellos?”, preguntou no Parlamento Galit Mroz, alumna do CEIP Carlos Casares e representante do Consello que actuou como voceira. Asimesmo, Galit recordou aos asistentes que a participación debe ser sempre voluntaria e, polo tanto, non obrigatoria, e debe ser respetuosa no sentido de “poder expresar libremente as opinións”.


VIDEO










martes, 22 de outubro de 2024

SEGUIMOS TRABALLANDO ARREO!

Despois dun breve descanso durante o verán, estamos de volta!

O noso grupo de participación infantil e xuvenil "Xeración Xa" está preparando a súa intervención no XII Foro de Participación Infantil no Parlamento de Galicia que terá lugar o próximo día 12 de novembro, esta vez decidimos reunirnos de forma online, todo un éxito.


Moitas grazas rapazada!

luns, 10 de xuño de 2024

O CONCELLO DE NIGRÁN CELEBRA UN PLENO INFANTIL E XUVENIL PARA CONMEMORAR O DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

    O Concello de Nigrán acolleu o pasado venres día 7 de xuño un pleno infantil e xuvenil protagonizado por representantes de todos os centros educativos do municipio. A temática da sesión foi o coidado do medio ambiente, tal e como previamente se decidira no Consello de Participación Infantil e Xuvenil do Concello de Nigrán ao coincidir ademáis coa semana do día mundial do Medio Ambiente. Os voceiros de cadanseu centro expuxeron as súas preocupacións e propostas ante o alcalde, Juan González, e a concelleira de Educación, Estela Pérez.

    As peticións da rapazada centráronse na promoción da reciclaxe e compostaxe en cada colexio, aspecto que o propio alcalde se comprometeu a incluír desde o vindeiro curso. Ademáis, mostráronse preocupados polo aumento de poboación durante o verán e as implicacións que iso conleva: desde un aumento do lixo a problemas de aparcamento ou suciedade nos baños da praia, polo que apelaron á responsabilidade individual de cada un para coidar a nosa contorna. A mobilidade en bicicleta foi outra das cuestións abordadas, polo que o propio alcalde lles explicou o Plan Vía-Bici do Concello para facer camiños seguros cara o centro urbano, os colexios ou a praia.

    A edil de Educación, Estela Pérez, explicou aos asistentes ao pleno que todos poden sumarse ao grupo de participación infantil e xuvenil do Concello de Nigrán e, nese sentido, aproveitou a ocasión para despedir a Martín Rey, voceiro do IES Val Miñor e membro do Consello de Participación Infantil por cumplir este ano a maioría de idade.

    

Moitísimas grazas a todos por participar!!




luns, 27 de maio de 2024

XERACIÓN XA!

 

O GRUPO DE PARTICIPACIÓN INFANTIL E XUVENIL ESCOLLE O NOME E CREA O SEU PROPIO LOGO. O NOME ESCOLLIDO FOI: XERACIÓN XA! 

Á SÚA VEZ FIXERON UN LOGO CUN DESEÑO SINXELO E CLARO OPTANDO POR SEGUIR AS CORES DA CORPORACIÓN MUNIPAL PARA QUE SE LLES IDENTIFIQUE MÁIS FACILMENTE.



As nenas, nenos e adolescentes de Nigrán que forman parte do grupo de participación infantil e xuvenil, despois de moitas deliberacións e propostas chegaron ao acordo de que o nome que máis lles representa e co que se senten máis cómodas e cómodos é XERACIÓN XA! A proposta parte dun dos integrantes máis maiores, Martín, quen ademáis forma parte do CAIA, o grupo autonómico de participación infantil e xuvenil de Galicia.

A idea ocorreúselle como forma de reapropiación do concepto de seren a xeración da inmediatez. De querelo todo xa. Pero tamén como anuncio de que as nenas, nenos e adolescentes están aquí para colaborar co goberno local e construír un lugar máis amigable para a infancia e a adolescencia de Nigrán.

Agardamos que vos guste e que sigades ben de cerca a súa traxectoria.





mércores, 24 de abril de 2024

A VOZ DO CONCELLO DE NIGRÁN FAISE OÍR NO CONGRESO DOS DEPUTADOS GRAZAS A CAYETANA GUEDE

O Concello de Nigrán estivo presente no acto 'Infancia en el Congreso' grazas a Cayetana Guede, alumna de 1º da ESO do IES Val Miñor e integrante do Consello Escolar Municipal.

Cayetana intervíu no Congreso xunto a outras 7 crianzas de todo o país que actuaron como voceiras neste acto organizado cada ano pola 'Plataforma Infancia' á que pertence Unicef e que xirou en torno ao dereito á participación infantil. P

 A maiores, Cayetana forma parte do grupo Asesor de Participación Unicef-España tras ser aceptadas a súa candidatura e a de Martín Rey Álvarez, tamén alumno do IES Val Miñor (este grupo de traballo está composto por 57 nenos e nenas de toda España, sendo 4 deles galegos).

Neste enlace pódese ver a intervención, moitas grazas Caye!!












luns, 15 de abril de 2024

O CONCELLO DE NIGRÁN ENTRA NO GRUPO ASESOR DE UNICEF-ESPAÑA

        O Concello de Nigrán conta desde este mes de abril con dous representantes no Grupo Asesor de Participación Unicef-España tras ser aceptadas as candidaturas de Martín Rey Álvarez e Cayetana Guede Bernárdez, alumnos ambos do IES Val Miñor e integrantes do Consello Escolar Municipal desde a súa orixe. Este logro destaca o talento de ámbolos dous, estudantes de excelencia, con gran compromiso social, e que xa falaran ante o Parlamento galego con motivo do Día Mundial da Infancia. Xunto a 3 representantes máis de Moaña, Ponteares e Teo, levarán a voz de Galicia a este grupo de traballo composto por 57 nenos e nenas de toda España. 

        Un dos requerimentos para formar parte deste grupo asesor ao que Cayetana (1º da ESO) e Martín (2º de Bacharelato) presentaron a súa candidatura era ter un mínimo de 12 anos e 2 anos de experiencia no eido da participación infantil. Agora, co seu traballo búscase asegurar que as voces, ideas e propostas dos nenos, nenas e adolescentes sexan escoitadas e tidas en conta no Congreso dos Deputados, Parlamentos, elaboración de leis e noutros espazos... Ademais, en colaboración estreita con UNICEF España, confeccionarán e avaliarán as actividades e programas da organización de cara a que reflictan as necesidades, inquedanzas e aspiracións da infancia e adolescencia a nivel nacional. Para elo, este grupo reunirase online unha vez ao mes.



xoves, 29 de febreiro de 2024

RENOVACIÓN DO CONSELLO MUNICIPAL DA INFANCIA DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán estreou o 29 de febreiro un Consello Municipal da Infancia renovado tras elixir o alumnado dos centros educativos do municipio a cadanseu voceiro para os vindeiros dous anos. A concelleira de Educación, Estela Pérez Pérez, xunto á concelleira de Igualdade, Patricia Diego, e o alcalde de Nigrán, Juan González, deron a benvida no Salón de Plenos as novas nenas, nenos e adolescentes que se sumarán ao grupo (14 en total dos que repiten 2). 

Este primeiro encontro servíu para que se coñecesen entre eles e explicarlles polo míudo o seu traballo, que se visibilizará moi próximamente no pleno infantil anual. As reunións do Consello terán lugar cada 15 días e terán como obxectivo que a xente nova do Concello poida participar activamente na vida pública, ofrecendo a súas visións, inquedanzas e propostas ao goberno local para que as cuestións que lles afectan, respondan as súas verdadeiras necesidades e facendo cumplir deste xeito o seu dereito a ser escoitados e tidos en conta.




xoves, 30 de novembro de 2023

XI Foro Infantil Unicef - PARLAMENTO DE GALICIA


    Un grupo de representantes do Consello de Participación Infantil e Xuvenil do Concello de Nigrán acudíu un ano máis ao Parlamento Galego no marco do XI Foro de Participación Infantil xunto a rapazada dunha ducia de municipios de toda a Comunidade.

    No marco do Día Mundial da Infancia e da Convención dos Dereitos do Neno, a rapazada de Nigrán participou un ano máis no ‘XI Foro Infantil Unicef’ celebrado no Parlamento de Galicia. Nunha sesión plenaria protagonizada por representantes de Consellos de Participación Infantil e Xuvenil de 12 municipios de toda Galicia, a rapazada reflexionou sobre a protección e a prevención da violencia. 

    Por parte de Nigrán acudiron 9 nenos e nenas membros do Consellos de Participación Infantil e Xuvenil acompañados do rexedor e a edil de Educación, Estela Pérez, actuando Martín Rey (IES Val Miñor) como voceiro. El foi o encargado de expor as vivencias do 'III Encontro Galego de Consellos Locais de Participación Infantil e Adolescente' celebrado o 18 e 19 de novembro na Residencia de Tempo Libre de Carballiño. Ali, coa axuda do ilustrador Leandro Lamas, realizaron un cuadro colaborativo co que agasallaron ao Parlamento.





UXÍA FERNÁNDEZ, DE "XERACIÓN XA" DE NIGRÁN, PIDE NO CONGRESO QUE TODOS OS DEREITOS SEXAN ACCESIBLES

       Baixo o paraugas de Unicef co programa «A infancia no Congreso», oito nenos e nenas de 12 a 17 anos expuxeron no hemiciclo do Congres...